"Xa na barriga Manela sentía en galego. A nai a cotío comentáballe os acontecementos da vida, o pai faláballe da súa felicidade e das ganas de coñecela, os dous cantaruxábanlle anainas antigas que aniñaban no fondo dos seus corazóns. Cumprido o tempo, Manela coñeceu os rostros impacientes das voces queridas e puido amalos tamén. Con eles as primeiras palabras: pai, nai e con eles púxolles nome aos seus descobrementos: formiga, paxaro, lúa, solpor... Os pais aprendéronlleo amor pola milenaria lingua e a reivindicación: "En Galiza, en galego" berraba Manela cada vez que o pai a puña escarrachapernas aínda que fose para ir dar un paseo. Mais un día Manela foi á escola, daquela esqueceu consignas e palabras. Quizais un día a semente do galego prenda e agrome novamente no tenro corazón de Manela producíndose entón unha nova e brillante primavera. Este disco e unha aperta para todas as Manelas que na Galiza son."
DISTRIBUCIÓN DO DISCO Tenda de Concha (O Viso, Redondela) |